6.29.2008

Contextualización sociolingüística

A idea xorde como proposta de traballo para a solicitude dunha licenza por estudos no curso 07/08 tras anos de experiencia no traballo normalizador e docente nun centro de ensino secundario dunha cidade con moi escasa tradición normalizadora.

A pesar dos diferentes contextos que presentan os centros do país , todos comparten as características sociolingüísticas que derivan da lentitude da posta en marcha do proceso de normalización na sociedade en xeral, e no ensino, en particular.

Le+

Democracia e política lingüística en Galiza. Xaime Subiela. Relatorio presentado no foro Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade.

O autor repasa a historia normalizadora do noso país e analiza a actuación pública sobre a lingua na Galiza democrática.

Sen dúbida, o idoma foi ampliando a súa presenza na vida dos centros, sobre todo desde un punto de vista formal e de destrezas escritas, mais os ENDL presenciamos a estreita interpretación dos claustros do papel que o ensino debe ter na normalización da lingua e da responsabilidade profesional que iso supón para conseguir estimular no noso alumnado un uso normalizado do galego en calquera dos seus ámbitos vitais e, por outra parte, transmitir os referentes culturais básicos que o idioma sustenta.

Le+

A sociolingüística de Galicia. Anxo Lorenzo. Relatorio presentado no foro Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade (xuño 2008)

O autor deseña os elementos máis relevantes da situación sociolingüística actual e tenta enxergar algunhas das claves dos futuros escenarios para o idioma.

Idade e comportamentos (socio) lingüísticos na Galicia actual. Anxo Lorenzo. Relatorio presentado nas III Xornadas de linguas e usos: lingua e idade (novembro 2006)

P17 sitúase nun presente onde emerxe un novo ciclo da política lingüística e aboga por mudar as estratexias normalizadoras no ámbito educativo e actualizar o papel que desempeñan tanto o Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística como os Equipos formados nos centros educativos.

O enfoque apunta decididamente ao futuro para comezar un proceso que se insere dentro dun novo marco legal que sitúa aos ENL de maneira máis visible e “profesionalizada” na organización dos centros e aparece estreitamente asociado ao Proxecto Lingüístico de Centro ou á Planificación Lingüística, pois trata de pór en funcionamento ámbitos de colaboración e creatividade que repercutan positivamente nos obxectivos normalizadores.

Le+

A planificación lingüística nos centros educativos . Anxo Lorenzo, Agustín Fernández Paz e Fernando Ramallo. Secretaría Xeral de Política Lingüística. PDF

Guía práctica para a planificación lingüística nos centros educativos. Anxo Lorenzo, Agustín Fernández Paz e Fernando Ramallo. Secretaría Xeral de Política Lingüística (2007). Libro en formato PDF

Non é este lugar para facer historia do labor levado a cabo “contra vento e maré” polos ENDL desde a súa aparición, moitas veces isolados en contextos pouco favorables. Os tempos de hoxe semellan abrir novos camiños para recorrer e P17 quere unirse ao traballo levado a cabo por compañeiros e compañeiras que tratan de situar o galego nas coordenadas dun futuro -xa inmediato- tentando atraer a comunidade educativa á reflexión sociolingüística desde presupostos innovadores.

Le+

O concepto de dinamización e o papel do dinamizador (a) lingüístico. Anxo Lorenzo.

Relatorio presentado no I Seminario de Dinamización Lingüística no ensino (novembro 2006

Boas ideas normalizadoras . Equipos de Normalización Lingüística. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Relación de blogues educativos de interese Equipos de Normalización Lingüística. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Materiais de sociolingüística recollidos na páxina Na punta da lingua

Propostas de aula para o ensino e normalización da lingua en Linguaprende


6.28.2008

Que é Proxecto 17?

Un material que presenta unha intervención normalizadora para ser proposta polo ENDL do centro educativo aos departamentos didácticos para cumprir parte das súas funcións

  • Propoñer á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular, o plano específico para potenciar a presenza da realidade galega, cultura, historia, xeografía, economía, etnografía, lingua, literatura, arte, folclore, etc. no ensino.

  • Propoñer á comisión de coordinación pedagóxica, para a súa inclusión no proxecto curricular, o plano xeral para o uso do idioma, no cal se deberá especificar, cando menos:

    a) Medidas para potencia-lo uso da lingua galega nas actividades do centro.

    b)Proxectos tendentes a lograr unha valoración positiva do uso da lingua propia e a mellorar a competencia lingüística dos membros da comunidade educativa.

P17 trata de vertebrar estes cometidos, organizando unha proposta desde presupostos didácticos innovadores que persegue, como finalidade última, a promoción dunha visión actual e útil da lingua galega, que deixe de lado prexuízos, e impulse actitudes favorables cara o galego e cara ao cambio lingüístico dentro da comunidade escolar e o seu contorno, partindo dun traballo interdisciplinar que ten sempre como referente a realidade galega.

Parece un momento oportuno para tentar modificar comportamentos poia no mundo de ensino apuntan cambios que esixen actualizar, revisar e adecuar os procesos de aprendizaxe, metodoloxía, obxectivos, criterios de avaliación....en definitiva, mudanzas respecto do sistema tradicional que, por outro lado, ben sabemos que non conduce a resultados satisfactorios.

Le+

El pasillo de la ESO. Natalia Bernabeu Morón. Proyecto QuadraQuinta.


6.27.2008

Obxectivos de P17 para o profesorado

  • Ver a práctica educativa como algo flexible, aberto e en continuo cambio.

  • Fomentar a cooperación e a creatividade na comunidade educativa.

  • Abandonar os tradicionais modelos de transmisión do coñecemento por modelos que permitan o desenvolvemento das competencias básicas e dean resposta a principios de aprendizaxe significativa.

  • Fomentar a reflexión conxunta sobre a posibilidade de repensar enfocar as programacións didácticas e a práctica educativa diaria desde un punto de vista normalizador.

  • Xerar secuencias e situacións de ensino-aprendizaxe que permitan desenvolver e consolidar a competencia lingüística en galego e fomenten a presenza da nosa cultura.

  • Crear e compartir materiais e produtos normalizadores e difundilos no centro, no seu contorno e en escenarios virtuais.

6.22.2008

Fundamentos pedagóxicos e metodolóxicos I. As competencias básicas

O traballo normalizador dentro dos centros non pode excluírse destes novos tempos para a docencia, e este proxecto asume a innovación educativa e a utilización das ferramentas TIC como fundamento na procura do desenvolvemento das competencias básicas no noso alumnado e quere servir de estímulo para a creación por parte do profesorado de novos escenarios educativos.

Le+

Desenvolupament del currículum per competències. Joan Mateu. Xornadas de traballo sobre curriculum, competencias e transversalidade. (novembro 2006)

O autor defende que falar de competencias non é só un cambio de léxico senón que implica un cambio en profundidade no tipo de coñecemento que o profesorado debe transmitir para eliminar o divorcio entre os intereses do alumnado e as súas necesidades reais tanto no mundoescolar como no real e na súa propia vida.

La evaluación auténtica de competencias. Carles Monereo. (abril 2007)

O relator reflexiona sobre as competencias, sostén que a auténtica revolución parte do cambio na avaliación, único camiño para espallar modificacións noutros niveis, caracterizando o alumnado como nativos dixitais fonte a un profesorado emigrante tecnolóxico.

Proposta do Consello Escolar de Galicia sobre as competencias básicas. Comisión de Ordenación do Sistema Educativo. (xuño 2006)

O documento distingue tipos de competencias e comenta os cambios metodolóxicos e de avaliación que estas supoñen, non só nos procesos de ensinanza senón tamén nos de aprendizaxe – rol do profesorado e rol do alumnado- . Reforza, ademais, a idea da interdisciplinariedade , indicando as implicacións curriculares e organizativas que derivan deste enfoque didáctico.

6.18.2008

Fundamentos pedagóxicos e metodolóxicos II. A aprendizaxe baseada en proxectos

P17 estrúturase seguindo as pautas da Aprendizaxe baseada en Proxectos, estratexia utilizada tanto na organización da experiencia entre os nosos compañeiros e compañeiras, como nas secuencias e situacións didácticas xeradas na aula na súa posta en funcionamento.

Le+

Aprendizagem Baseada em Projectos . Novos Encontros no Secundario (2001-2002)

A aprendizaxe baseada en Proxectos é un modelo innovador de ensino e aprendizaxe. Incide sobre os conceptos e principios dunha disciplina, envolve o alumnado en actividades de pesquisa e resolución de problemas e outras tarefas relevantes, permite aos alumnos e alumnas traballar autonomamente para construír o seu propio saber, e culmina en produtos concretos.

Aprendizagem Baseada na Resoluçâo de Problemas. Novos Encontros no Secundario (2001-2002)

Método que se caracteriza pola exploración de problemas do “mundo real”, utilizando este contexto para o desenvolvemento de competencias de pensamento crítico e de resolución de problemas para a adquisición de conceptos esenciais. A través deste método , o alumnado adquire competencias que lle permiten aprender ao longo da vida, e promover a capacidade para identificar e usar recursos apropiados de aprendizaxe.

Puntos importantes do traballo por proxectos. Grupo de traballo PROXEDU.2007

Presentación esquematizada que recolle a fundamentación teórica, fins, elementos e fases dun proxecto, organización, avaliación, os proxectos de traballo e o currículo.... e ligazóns a páxinas web que desenvolven esta estratexia de aprendizaxe.

Los retos del siglo XXI.Los proyectos de trabajo. Un ejemplo práctico. Marimar Pérez, Adela Fernández, Ana Basterra. 2007

Unidade didática para traballar en 3º, 4º ESO ou Diversificación Curricular. Trabállanse conxuntamente as Ciencias Sociais e a Lingua, aportando información sobre a planificación.

Diseño de proyectos efectivos

A auga nas nosas vidas

O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria. Consellería de Educación. Xunta de Galicia

6.16.2008

Fundamentos pedagóxicos e metodolóxicos III. As ferramentas TIC

Este camiño recórrese acompañado da utilización das ferramentas TIC por considerarmos que ofertar o noso traballo normalizador ligado a renovación didáctica facilita o achegamento aos nosos compañeiros e compañeiras e tinxe o idioma de modernidade e futuro -matiz indispensable para achegar o noso alumnado.

Le+

Conferencia de Jordi Adell .” O desafío educativo da xeración dixital”. Cantabria 2007.

Partindo da afirmación de que a escola é se insere dentro dunha estrutura do século XIX, o profesorado no xa extinto século XX e o alumnado nun século XXI cada vez máis alonxado das estruturas tradicionais de aprendizaxe, o relator centra a súa disertación nas características do alumnado que recibimos nos centros.

Entrando al trapo de las TIC I. Las actividades TIC II. Fran Iglesias. Proyecto Grimm (Febreiro 2007)

Dunha maneira clara e divulgativa o autor cuestiona algúns mitos sobre o aporte das TIC no ensino, reflexiona sobre o que traen consigo estas ferramentas como método pedagóxico, tratando de estimular o se uso no profesorado.

Ferramentas virtuais Xano Cebreiro. Remexer na lingua (setembro 2007)

O autor repasa a precaria situación das TIC no ensino galego defendendoo desenvolvemento da competencia sobre tres piares imprescindibles: a disponibilidade de infraestruturas e instrumentos, formación axeitada do profesorado no manexo educativo deses instrumentos e unha orientación didáctica que sitúe o alumnado como protagonista da construción crítica do saber e que impulse a creación e o intercambio de contidos por parte dos docentes.

A aprendizaxe por proxectos requere certos cambios no manexo da aula. Estamos utilizando unha metodoloxía que se centra na aprendizaxe e que se orienta cara a realizacion dun proxecto e á elaboración dun produto final.

Le+

Ideas para promover el aprendizaje activo y colaborativo. Wesley Hiler y Richard Paul. Fundación para el Pensamiento Crítico.

Breve documento que recorda algúns principios básicos -suxerencias e estratexias- que deben ter en conta os profesores e profesoras cando imparten instrucción ou orientación aos estudantes.

Usar esta metodoloxía apoiándose nas TIC implica cambiar o foco do ensino do profesor ao estudantes. Non é indispensable que o docente sexa totalmente competente no manexo das TIC e ser especialista en informática. O que se espera do profesorado é que sexa especialista en procesos de ensino-aprendizaxe e que non teña medo a cambiar a estrutura tradicional do labor docente, que cada vez nos alonxa máis do alumnado e dos seus intereses.

Le+

El rol del profesor en la educación virtual Javier Martínez Aldanondo. Educaweb (2004)

Aprendizaxe en colaboración nos proxectos Cnice . MEC.

Consideracións organizativas, curriculares, tecnolóxicas e pedagóxicas, pautas xerais do traballo colaborativo, actuación do profesorado na aprendizaxe en colaboración co apoio do ordenador.


Os estudantes, pola súa parte, deben adoptar un papel moito máis importante na súa formación, non só como meros receptores pasivos do xerado polo profesor, senón como axentes activos na procura, selección, procesamento e asimilación da información.

Por outra parte, trátase de achegar o ensino á realidade do noso alumnado, inmerso nun mundo onde estas tecnoloxías forman parte da súa vida cotiá: as súas relacións interpersoais e socialización desenvólvense neste contexto, os seus xogos, ocios... Son alumnos e alumnas tecno-parlantes, mais non deixa de ser paradóxico a inexistencia de uso destas ferramentas no ámbito académico e como apoio á súa formación integral.

Os ENDL deben apropiarse deste ámbito para transmitir o coñecemento da realidade do país, da súa realidade e cultura pensando, traballando, lendo, falando, debatendo, decidindo, colaborando en galego: descubrir Galiza e o idioma na rede, superando os prexuizos que tinxen o idioma de referentes pasados de moda para o noso alumnado.

Le+

O modelo pedagóxico CAIT. J. Martin Patino,J. Belltrán LLera, L. Pérez Sánchez (2003)

Reflexións sobre a aprendizaxe construtiva e as dimensión pedagóxicas de Internet.

Alfabetizacion Digital Critica Tiscar Lara. Xullo 2008

Cuestiones de alfabetización digital crítica: privacidade, poder, intimidade, autoría, credibilidade, publicidade, identidade...

Decálogo e contradecálogo TIC Rocío Cabanillas. Blog de Recursos Tic en Educación (xuño 2006)

6.14.2008

Fundamentos pedagóxicos e metodolóxicos IV. Cazas do tesouro. Webquest. Miniquest

Existe na rede unha grande cantidade de aplicacións que poden ser explotadas desde un punto de vista didáctico. Actividades interactivas como Jclic, Ardora ou Hot Potatoes ata outras máis recentes como LIM e Cuadernia.

Le+

Ligazóns a ferramentas de creación de actividades en Redemat con enlaces a titoriais e exemplos de actividades.

Información sobre distintas opcións de creación de materiais multimedia para a aula. Edugaliza.

Os docentes contamos con este tipo de actividades de execución rápida e orientación condutista, pero tamén teñen outras que incentivan a reflexión e o procesamento da información. Estamos facendo referencia ás webquest, miniquest e cazas do tesouro, que son as que eleximos neste proxecto por ser actividades enfocadas á investigación onde se presenta ao alumnado un problema e recursos web seleccionados polo docente. Dito traballo abórdase en grupo e deben elaborar un produto final.

Le+

Os cazatesouros . Obradoiro de NTICs na aula de filosofía .

Breve introdución a estas actividades que permiten ao alumnado buscar información pero que non están adicadas á resolución de problemas.

Realiza unha webquest. Obradoiro de NTICs na aula de filosofía .

Esquemática presentación que atende aos compoñentes básicos dunha WQ: escenario, tarefa (de repetición, de recopilación, de misterio, periodísticas, de construción de consenso e de persuasión), proceso, recursos, avaliación e produto.

Realiza unha miniquest. Obradoiro de NTICs na aula de filosofía .

Versión reducida das WQ para desenvolver nunha sesión. Diferencia entre aquelas de descubrimento, de exploración e de culminación.

Las cazas del tesoro: Trucos e habilidades. Lourdes Domenech. CNICE. MEC (2008)

Práctica información sobre como preparalas, redactar a introdución, plantear as preguntas e tipos de preguntas, cómo xestionar os enlaces, formatos para a súa edición, onde atopar modelos e cómo levalas á aula. Numerosos exemplos en diferentes disciplinas.

Construyendo una Miniquest. Eduteka. Abril 2002

As Miniquest poden ser construídas por docentes que apenas se inician na creación e aplicación de Webquest. ao conformarse como un modelo intuitivo que lles axudará a dar os seus primeiros pasos na construción de Aprendizaxes basesadas na Rede.

Aporta tamén un cadro esquemático das diferenzas entre estes dous tipos de actividades en canto aos seus compoñente, tempo requerido para o seu desenvolvemento, tempo de clase necesario para desenvovelas, fundamentos pedagóxicos, pepel dos estudantes...

Exemplos de webquest e miniquest no portal de Contidos Educativos da Xunta de Galicia.

Xerador de Webquest. Aula 21.

Calquera persoa, sen máis coñecemenos que saber utilizar o navegador, estando conectado a Internet pode aquí elaborar on-line a súa propia WebQuest en forma dunha páxina web. Múltiples enlaces a webs educativas, recursos e consellos, introdución a programas xeradores de actividades ...
Wikiescola
Exemplos de webquest elaboradas en diferentes disciplinas e enlaces a portais de webquest.

Bitacora sobre Webquest Isidro Vidal

Siguiendo el rastro de las mujeres: una webquest interdisciplinar Irene González

Mendizábal. Xuño 2006.

Exemplo dunha webquest interdisticinar al abarcar diferentes ámbitos da cultura e da ciencia: a literatura, a arte, o mundo dos inventos e a gran aventrua da exploración.

Webtour Multicolor. Un tour per a la tolerància i respecte envers altres cultures.

Las Webquest en el aula. Aula 21. Novembro 2006.

Interesante páxina con enlaces a este tipo de actividades e artigos que intentan recoller unha visión ampla sobre a práctica e experiencia dentro da aula.


As potencialidades didácticas deste tipo de traballos é moi interesante porque permiten:

. Non centrar a actividade docente na aula tradicional.
. Educa nas destrezas para o tratamento da información a nivel escrito, oral e mesmo icónico.
. Transforma ao alumnado en co-educadores e creadores de información.
. Potencia as habilidades comunicativas.
. Potencia o traballo colaborativo, dentro e fora da aula.
. Pon e valor o papel do mestre como orientador.

Os criterios de avaliación establécense en referencia a:

. Recopilación de información.

. Elaboración de traballos.

. Elaboración da presentación.

. Organización do traballo e debate.

. Participación individual e grupal.

. Cohesión do grupo.

A educación é un sector tradicionalmente pouco dado a novidades e cambios. De todos xeitos, na actualidade, moitos somos os que nos vemos inmersos nuns modelos de ensino-aprendizaxe obsoletos e caducos que non conseguen os obxectivos formulados. Non se trata de condenar completamente unha metodoloxía que ten as súas virtualides, senón de ampliar o tipo de experiencias formativas dos estudantes utilizando medios nos que eles viven inmersos e integralos adecuadamente aos nosos métodos didácticos.

Antes de avaliar dun punto de vista teórico as mudanzas metodolóxicas que este proxecto propón, mellor será tentar poñelas en funcionamento no noso exercicio profesional, pois os escenarios educativos non mudan por decreto. A renovación – de espírito e de práctica- ten que partir do profesorado para que chegue aos seus destinatarios. Posiblemente os froitos non serán visibles a curto prazo – talvez teñamos que agardar unha xeración de estudantes que teña pasado polos ciclos de ensino para ver asentada esta nova perspectiva, mais o profesorado non pode agardar á beira do camiño.

Canto á normalización do idioma, tras anos de inoperancia da administración educativa, os tempos son chegados de se converter o ensino no referente normalizador para o noso alumnado, evitando nuns casos o abandono ou substitución do galego polo castelán, noutros fomentando a aparición de novos falantes ou mantendo os falantes orixinais, dentro dun contexto de prestixio e futuro consolidando un sentimento de cidadanía global e planetaria compatible coa identidade local.

Le+

Os plans lingüísticos como instrumentos da planificación lingüística en Galicia. Anxo Lorenzo (2006).

Linguas cruzadas María Yañez e Mónica Ares. Control Z Produtora (maio 2007).

Documental sobre a situación do galego entre a mocidade. Durante 50 minutos mostra testemuñas de mozos e mozas de diferentes localidades do país que falan das súas experiencias pesoais coa lingua. O uso do galego nas novas tecnoloxías, e no ensino e na ciencia son algúns dos moitos temas abordados.

6.12.2008

Posta en funcionamento

P17 escolle un modelo participativo que pretende converter o profesorado en axente normalizador, ampliar a súa reflexión sociolingüística e didáctica e conformarse como un modelo lingüístico positivo e de prestixio diante do alumnado na aula e no centro.

Unha vez coñecido e asumido polo ENDL -e ofertado ao Equipo Directivo como proxecto de centro que precisa do seu apoio e dinamización- P17 será presentado na Comisión Pedagóxica pola Xefatura de Departamento de Normalización e Dinamización para a súa difusión e posta en común nos departamentos didácticos coa finalidade de abrir a posibilidade de enfocar as programacións didácticas desde un punto de vista normalizador.

Brindamos, ao mesmo tempo, a todos os departamentos -na súa edición en blog- o material de reflexión sociolingüística e pedagóxica que P17 propón, aberto a calquera nova interpretación e modificación.

Só estamos lendo os proxectos curriculares das diferentes disciplinas da ESO cunha perspectiva normalizadora, presente nas propias programacións. Asi, de revisar o Decreto ESO podemos atopar tanto nas competencias básicas ás que contribúe a materia , como nos obxectivos, contidos e avaliación, referencias explícitas á nosa realidade e ao desenvolvemento da competencia lingüística en novos escenarios educativos. Ver Anexo1.

Pode introducirse como unha actividade dos departamentos que se relaciona, tamén, co Proxecto Lingüístico de Centro, co Proxecto Lector, a Dinamización TIC, co Proxecto Interdisciplinar... pois as secuencias didácticas que presentamos cumpren parte dos obxectivos dos anteriores documentos.

Efectivamente, tentamos conducir a normalización asociada con todas as novedades estruturais que estes últimos cursos invaden os centros, ás veces cunha urxencia tan excesiva que só desemboca na ausencia de cambios reais na nosa práctica educativa. Son tempos de adaptar as programacións aos novos presupostos didácticos, pedagóxicos e metodolóxicos e o ENDL debe inxectar de contidos normalizadores estas revisións.

Para manter a presenza do proxecto no centro , nesta primeira fase de intervención, , proxectaremos nos recreos nos corredores do centro a presentación LINGUAS, este ano contextualizada arredor do Ano Internacional das Linguas, mais que pretende consolidarse como unha actividade plurianual que lembre cada ano a presenza da lingua no centro.

Ao mesmo tempo , brindamos a súa posta en práctica nas aulas aos departamentos de Linguas para a reflexión conxunta de profesorado e alumnado dos seus contidos. Será o profesorado de Linguas o que nun primeiro paso amplie a presentación. O departamento de Lingua Española pode aportar, por exemplo, as características do español de América; o departamento de Galego contribuír con información sobre a actualidade do idioma desde un punto de vista sociolingüístico e cultural, ou ben dar a coñecer o mundo lingüístico lusófono. Estes dous departamentos deberían tamén traballar sobre a realidade lingüística nas distintas comunidades autónomas.

O departamento de Latín, a presenza nas linguas curriculares da herdanza románica; o departamento de francés, inglés e lingua española unha nova visión sobre a realidade lingüística tendo en conta as linguas minorizadas nos países onde se falan esas linguas... Cómpre non esquecer a lingua romaní e a linguaxe de signos, caso de ter o centro alumnado con esas características, ou outras linguas presentes no alumnado de procedencia extranxeira.

A actividade LINGUAS pretende ser tamén a motivación para comezar o traballo nas diferentes disciplinas, pois partindo do plurilingüismo e a multiculturalidade que presenta, convidamos aos departamentos – en primeiro lugar aos das linguas curriculares, sen esquecer as linguas do alumnado do centro- a participar ampliando esa presentación con diapositivas relacionadas coas súas materias desde unha perspectiva mais asentada na realidade e cultura galega.

Asi, desde o departamento de Educación Física pódese realizar un proxecto de “Xogos tradicionais” ou deportes máis asentados nos distintos países aos que fai referencia a presentación; desde o departamento de Música pódese aportar unha selección de “Músicas do mundo” ; desde o departamento de Plástica unha selección de pintura, arquitectura....; desde o departamento de Ciencias un proxecto “Animais en extinción” nos diferentes países...

Cómpre ter en conta que non son proxectos independentes, que todos deben participar duns obxectivos comúns e sque será o grupo de traballo creado no centro o que estruture os contidos, na procura de ofertar aos estudantes unha cultura básica integrada e relacionada desde as diferentes materias .

P17 é un proxecto aberto, as anteriores non son máis que suxerencias que cada grupo de traballo debe aceptar ou modificar enfocando o proxecto segundo as prioridades que establezan tendo en conta o seu contexto educativo.


6.10.2008

Anexo 1

De achegarnos aos currículos das diferentes disciplinas no Decreto ESO podemos extraer referencias explícitas á realidade galega, Eis algúns exemplos onde descartamos os currículos de linguas que serán obxecto de análise máis adiante.

Ciencias da Natureza

. Galicia ten unha situación xeográfica e un medio natural e cultural propios, o que fai necesaria unha contextualización específica á hora do tratamento na aula dos contidos de ciencias naturais.

. O coñecemento do patrimonio ambiental propio e as consecuencias directas e indirectas das súa explotación deben quedar reflectidos.

. Temáticas de actualidade como os incendios, o tráfico marítimo, a explotación dos recursos naturais, a biodiversidade, os espazos protexidos deben formar parte intrínseca da práctica da aula.

. Preténdese comprobar se o alumnado é consciente da situación planetaria caracterizada por toda unha serie de problemas intervinculados: contaminación sen fronteiras, esgotamento de recursos, perda de biodiversidade e diversidade cultural

Ciencias sociais, xeografía e historia

. As dúas materias permiten desenvolver unha metodoloxía que compare o inmediato e o afastado, o propio e o alleo, o máis concreto e o máis abstracto, xustificando así a importancia que no currículo debe concederse aos aspectos da xeografía, a historia e a cultura de Galicia.

. Achegarse aos trazos particulares da sociedade galega, española, europea e mundial desde a comprensión da súa estrutura e diversidade.

. Promover o sentimento de pertenza á comunidade galega e ás outras entidades políticas, sociais e culturais en que se integra, participando nelas con plena conciencia dos seus dereitos e deberes, desde posicións solidarias e respectuosas con outras comunidades, estados e culturas.

. Comprender a singularidade do patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico galego, participando activamente na súa conservación e mellora.

. Procurar a comprensión da realidade social galega actual como unha realidade dinámica e cambiante que se constrúe continuamente en contacto con outras sociedades e culturas.

. Análise de feitos ou situacións relevantes da actualidade, particularmente de Galicia, con indagación dos seus antecedentes históricos e das circunstancias que os condicionan.

Educación para a cidadanía

. Valoración da diversidade social e cultural como enriquecedora da convivencia nunha sociedade plural.

. Identificación dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado e posibles solucións.

Plástica e visual

. Recoñecer, comprender e valorar as manifestacións da cultura galega, apreciando o patrimonio cultural e contribuíndo á súa conservación e mellora

. Análise de obras do patrimonio cultural propio detectando as similitudes e as diferenzas respecto doutras sociedades e culturas.

. Valoración, respecto e gozo do patrimonio histórico- artístico, da obra allea e dos espazos de divulgación artística.

Música

. Cómpre afondar nesta etapa nas raíces culturais da música galega e a europea, recoñecéndoa como parte fundamental do noso patrimonio cultural, xa que, soamente a través do coñecemento profundo da nosa realidade cultural será posible desenvolver un achegamento ás culturas musicais doutros pobos.

. Utilizar de forma autónoma diversas fontes de información -medios audiovisuais, internet, textos, partituras e outros recursos gráficos- para o coñecemento e gozo da música.

. Recoñecemento e localización nas coordenadas espacio-temporais das manifestacións musicais máis significativas do patrimonio musical galego, occidental e doutras culturas.

. Utilización de distintas fontes de información para obter referencias sobre músicas de diferentes épocas e culturas, incluídas as actuais, e sobre a oferta de concertos e outras manifestacións musicais tanto en vivo como divulgadas a través dos medios de comunicación.

Matemáticas

. Comprender que a pluralidade da sociedade española e europea pode cuantificarse desde diferentes criterios (xeográficos, económicos, culturais, raciais, etc.) utilizando porcentaxes, análises de táboas, gráficas, estatísticas.....

. Integrar os coñecementos matemáticos na bagaxe cultural propia, en conxunción cos saberes que se van adquirindo desde as distintas áreas e aplicalos para analizar e valorar fenómenos sociais como a diversidade cultural.

. Traducir informacións expresadas con diferentes tipos de linguaxe matemática a linguaxe verbal e a valoración positiva da linguaxe numérica e gráfica para representar e facilitar a comprensión de situacións que teñen que ver co medio físico e social.

Tecnoloxía

. A contribución á competencia en comunicación lingüística realízase a través da adquisición de vocabulario específico, que ten que utilizarse nos procesos de busca, análise, selección, resumo e comunicación de información.

. A lectura, interpretación e redacción de informes e documentos técnicos contribúe ao coñecemento e á capacidade de utilización de diferentes tipos de textos e das súas estruturas formais.

. O uso da lingua galega nun contexto tecnolóxico (léxico específico) estende o seu ámbito de aplicación facilitando a normalización da lingua no ámbito profesional.

. Contribuír a crear un espazo tecnolóxico lingüístico propio cuxa existencia, senón imprescindible é, cando menos, necesaria para o desenvolvemento tecnolóxico da comunidade autónoma.


Educación física

. Apreciar, comprender e valorar as manifestacións culturais da motricidade humana, tales como os deportes, os xogos tradicionais, as actividades expresivas ou a danza, e consideralos como parte do patrimonio cultural dos pobos, algo que é necesario coñecer e preservar.

. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia.

. Realización de danzas do mundo de carácter colectivo. Contextualización básica.

. Buscar información en diferentes medios e fontes sobre as saídas que se van realizar ao medio.