Anexo 1
De achegarnos aos currículos das diferentes disciplinas no Decreto ESO podemos extraer referencias explícitas á realidade galega, Eis algúns exemplos onde descartamos os currículos de linguas que serán obxecto de análise máis adiante.
Ciencias da Natureza
. Galicia ten unha situación xeográfica e un medio natural e cultural propios, o que fai necesaria unha contextualización específica á hora do tratamento na aula dos contidos de ciencias naturais.
. O coñecemento do patrimonio ambiental propio e as consecuencias directas e indirectas das súa explotación deben quedar reflectidos.
. Temáticas de actualidade como os incendios, o tráfico marítimo, a explotación dos recursos naturais, a biodiversidade, os espazos protexidos deben formar parte intrínseca da práctica da aula.
. Preténdese comprobar se o alumnado é consciente da situación planetaria caracterizada por toda unha serie de problemas intervinculados: contaminación sen fronteiras, esgotamento de recursos, perda de biodiversidade e diversidade cultural
Ciencias sociais, xeografía e historia
. As dúas materias permiten desenvolver unha metodoloxía que compare o inmediato e o afastado, o propio e o alleo, o máis concreto e o máis abstracto, xustificando así a importancia que no currículo debe concederse aos aspectos da xeografía, a historia e a cultura de Galicia.
. Achegarse aos trazos particulares da sociedade galega, española, europea e mundial desde a comprensión da súa estrutura e diversidade.
. Promover o sentimento de pertenza á comunidade galega e ás outras entidades políticas, sociais e culturais en que se integra, participando nelas con plena conciencia dos seus dereitos e deberes, desde posicións solidarias e respectuosas con outras comunidades, estados e culturas.
. Comprender a singularidade do patrimonio natural, histórico, cultural e lingüístico galego, participando activamente na súa conservación e mellora.
. Procurar a comprensión da realidade social galega actual como unha realidade dinámica e cambiante que se constrúe continuamente en contacto con outras sociedades e culturas.
. Análise de feitos ou situacións relevantes da actualidade, particularmente de Galicia, con indagación dos seus antecedentes históricos e das circunstancias que os condicionan.
Educación para a cidadanía
. Valoración da diversidade social e cultural como enriquecedora da convivencia nunha sociedade plural.
. Identificación dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado e posibles solucións.
Plástica e visual
. Recoñecer, comprender e valorar as manifestacións da cultura galega, apreciando o patrimonio cultural e contribuíndo á súa conservación e mellora
. Análise de obras do patrimonio cultural propio detectando as similitudes e as diferenzas respecto doutras sociedades e culturas.
. Valoración, respecto e gozo do patrimonio histórico- artístico, da obra allea e dos espazos de divulgación artística.
Música
. Cómpre afondar nesta etapa nas raíces culturais da música galega e a europea, recoñecéndoa como parte fundamental do noso patrimonio cultural, xa que, soamente a través do coñecemento profundo da nosa realidade cultural será posible desenvolver un achegamento ás culturas musicais doutros pobos.
. Utilizar de forma autónoma diversas fontes de información -medios audiovisuais, internet, textos, partituras e outros recursos gráficos- para o coñecemento e gozo da música.
. Recoñecemento e localización nas coordenadas espacio-temporais das manifestacións musicais máis significativas do patrimonio musical galego, occidental e doutras culturas.
. Utilización de distintas fontes de información para obter referencias sobre músicas de diferentes épocas e culturas, incluídas as actuais, e sobre a oferta de concertos e outras manifestacións musicais tanto en vivo como divulgadas a través dos medios de comunicación.
Matemáticas
. Comprender que a pluralidade da sociedade española e europea pode cuantificarse desde diferentes criterios (xeográficos, económicos, culturais, raciais, etc.) utilizando porcentaxes, análises de táboas, gráficas, estatísticas.....
. Integrar os coñecementos matemáticos na bagaxe cultural propia, en conxunción cos saberes que se van adquirindo desde as distintas áreas e aplicalos para analizar e valorar fenómenos sociais como a diversidade cultural.
. Traducir informacións expresadas con diferentes tipos de linguaxe matemática a linguaxe verbal e a valoración positiva da linguaxe numérica e gráfica para representar e facilitar a comprensión de situacións que teñen que ver co medio físico e social.
Tecnoloxía
. A contribución á competencia en comunicación lingüística realízase a través da adquisición de vocabulario específico, que ten que utilizarse nos procesos de busca, análise, selección, resumo e comunicación de información.
. A lectura, interpretación e redacción de informes e documentos técnicos contribúe ao coñecemento e á capacidade de utilización de diferentes tipos de textos e das súas estruturas formais.
. O uso da lingua galega nun contexto tecnolóxico (léxico específico) estende o seu ámbito de aplicación facilitando a normalización da lingua no ámbito profesional.
. Contribuír a crear un espazo tecnolóxico lingüístico propio cuxa existencia, senón imprescindible é, cando menos, necesaria para o desenvolvemento tecnolóxico da comunidade autónoma.
Educación física
. Apreciar, comprender e valorar as manifestacións culturais da motricidade humana, tales como os deportes, os xogos tradicionais, as actividades expresivas ou a danza, e consideralos como parte do patrimonio cultural dos pobos, algo que é necesario coñecer e preservar.
. Coñecer e realizar xogos e deportes tradicionais de Galicia.
. Realización de danzas do mundo de carácter colectivo. Contextualización básica.
. Buscar información en diferentes medios e fontes sobre as saídas que se van realizar ao medio.
Sem comentários:
Enviar um comentário