Posta en funcionamento
P17 escolle un modelo participativo que pretende converter o profesorado en axente normalizador, ampliar a súa reflexión sociolingüística e didáctica e conformarse como un modelo lingüístico positivo e de prestixio diante do alumnado na aula e no centro.
Unha vez coñecido e asumido polo ENDL -e ofertado ao Equipo Directivo como proxecto de centro que precisa do seu apoio e dinamización- P17 será presentado na Comisión Pedagóxica pola Xefatura de Departamento de Normalización e Dinamización para a súa difusión e posta en común nos departamentos didácticos coa finalidade de abrir a posibilidade de enfocar as programacións didácticas desde un punto de vista normalizador.
Brindamos, ao mesmo tempo, a todos os departamentos -na súa edición en blog- o material de reflexión sociolingüística e pedagóxica que P17 propón, aberto a calquera nova interpretación e modificación.
Só estamos lendo os proxectos curriculares das diferentes disciplinas da ESO cunha perspectiva normalizadora, presente nas propias programacións. Asi, de revisar o Decreto ESO podemos atopar tanto nas competencias básicas ás que contribúe a materia , como nos obxectivos, contidos e avaliación, referencias explícitas á nosa realidade e ao desenvolvemento da competencia lingüística en novos escenarios educativos. Ver Anexo1.
Pode introducirse como unha actividade dos departamentos que se relaciona, tamén, co Proxecto Lingüístico de Centro, co Proxecto Lector, a Dinamización TIC, co Proxecto Interdisciplinar... pois as secuencias didácticas que presentamos cumpren parte dos obxectivos dos anteriores documentos.
Efectivamente, tentamos conducir a normalización asociada con todas as novedades estruturais que estes últimos cursos invaden os centros, ás veces cunha urxencia tan excesiva que só desemboca na ausencia de cambios reais na nosa práctica educativa. Son tempos de adaptar as programacións aos novos presupostos didácticos, pedagóxicos e metodolóxicos e o ENDL debe inxectar de contidos normalizadores estas revisións.
Para manter a presenza do proxecto no centro , nesta primeira fase de intervención, , proxectaremos nos recreos nos corredores do centro a presentación LINGUAS, este ano contextualizada arredor do Ano Internacional das Linguas, mais que pretende consolidarse como unha actividade plurianual que lembre cada ano a presenza da lingua no centro.
Ao mesmo tempo , brindamos a súa posta en práctica nas aulas aos departamentos de Linguas para a reflexión conxunta de profesorado e alumnado dos seus contidos. Será o profesorado de Linguas o que nun primeiro paso amplie a presentación. O departamento de Lingua Española pode aportar, por exemplo, as características do español de América; o departamento de Galego contribuír con información sobre a actualidade do idioma desde un punto de vista sociolingüístico e cultural, ou ben dar a coñecer o mundo lingüístico lusófono. Estes dous departamentos deberían tamén traballar sobre a realidade lingüística nas distintas comunidades autónomas.
O departamento de Latín, a presenza nas linguas curriculares da herdanza románica; o departamento de francés, inglés e lingua española unha nova visión sobre a realidade lingüística tendo en conta as linguas minorizadas nos países onde se falan esas linguas... Cómpre non esquecer a lingua romaní e a linguaxe de signos, caso de ter o centro alumnado con esas características, ou outras linguas presentes no alumnado de procedencia extranxeira.
A actividade LINGUAS pretende ser tamén a motivación para comezar o traballo nas diferentes disciplinas, pois partindo do plurilingüismo e a multiculturalidade que presenta, convidamos aos departamentos – en primeiro lugar aos das linguas curriculares, sen esquecer as linguas do alumnado do centro- a participar ampliando esa presentación con diapositivas relacionadas coas súas materias desde unha perspectiva mais asentada na realidade e cultura galega.
Asi, desde o departamento de Educación Física pódese realizar un proxecto de “Xogos tradicionais” ou deportes máis asentados nos distintos países aos que fai referencia a presentación; desde o departamento de Música pódese aportar unha selección de “Músicas do mundo” ; desde o departamento de Plástica unha selección de pintura, arquitectura....; desde o departamento de Ciencias un proxecto “Animais en extinción” nos diferentes países...
Cómpre ter en conta que non son proxectos independentes, que todos deben participar duns obxectivos comúns e sque será o grupo de traballo creado no centro o que estruture os contidos, na procura de ofertar aos estudantes unha cultura básica integrada e relacionada desde as diferentes materias .
P17 é un proxecto aberto, as anteriores non son máis que suxerencias que cada grupo de traballo debe aceptar ou modificar enfocando o proxecto segundo as prioridades que establezan tendo en conta o seu contexto educativo.
Sem comentários:
Enviar um comentário